Eurocopter EC145 | |
---|---|
EC145 ambulancia en Gotland | |
Tipo | helicóptero utilitario lixeiro |
Fabricante | Eurocopter, Airbus Helicopters |
Primeiro voo | 12 de xuño de 1999 |
Introducido | 2002 |
Produción | 1999-presente |
Unidades construídas | Unhas 1 300[1] |
Variantes | Eurocopter UH-72 Lakota |
O Eurocopter EC145 (no presente Airbus Helicopters H145) é un helicóptero utilitario lixeiro de dous motores desenvolvido e fabricado por Eurocopter, que pasaría a chamarse Airbus Helicopters en 2014. Orixinalmente coñecido como o BK 117 C2, o EC145 está baseado no MBB/Kawasaki BK 117 C1, que pasou a formar parte dos modelos de Eurocopter en 1992 coa fusión da división de helicópteros Messerschmitt-Bölkow-Blohm de Daimler-Benz e a división de helicópteros de Aérospatiale-Matra para formar Eurocopter.
O EC145 é un aparello bimotor que pode transportar ata nove pasaxeiros, xunto con dous tripulantes, dependendo da configuración da súa cabina. O helicóptero está comercializado para transporte de pasaxeiros, transporte corporativo, servizos de emerxencia médica, busca e rescate e roles utilitarios. En 2015 o EC145 pasou a chamarse H145. Tamén se fabricaron variantes militares do helicóptero baixo varias designacións, como H145M ou UH-72, sendo usadas para adestramento, loxística, evacuación médica, recoñecemento, ataque lixeiro ou transporte de tropas.